quinta-feira, 25 de fevereiro de 2016

DUAS NOVAS VITORIAS DA LOITA



Hoxe celebramos duas vitorias da nosa loita. Por unha parte N. e S., depois de case dous anos de loita, conseguiron que a entidade bancaria aceitase a dación en pago que esixian. Case dous anos sen pagar até que o banco non tivo outro remedio que aceitar.

Por outra parte R. conseguiu unha renegociación da súa hipoteca que conleva unha período de carencia, unha importante redución da taxa de xuro e un alongamento do período de amortización. Mudanzas que dan lugar a unha drástica redución do recibo de cada mes.


sábado, 14 de março de 2015

O "SENTIR COMÚN" DE ABANCA






Cada vez son máis as persoas que se achegan ás nosas reunións non pola imposibilidade de facer frente á súa hipoteca senón para consultarnos sobre a posibilidade de que os préstamos que contrataron conteñan cláusulas abusivas.

Se pomos de parte a banca telefónica seguramente poucos son comparabeis ao que ABANCA lle vendeu recentemente a unha parella de Lugo. Asinado a comezos deste ano para dispor de arredor de 6.000 euros tiveron que endebedarse inicalmente nuns 7.700 euros: 1.700 para pagar distintos gastos e seguros que lle vendeu ABANCA. A taxa de xuro do préstamo é de 12%. Desta forma neste préstamo a cinco anos o prestameiro acabaria pagando arredor de 15.000 euros para poder dispor de 6.000 euros. Todo isto para unha persoas que nos termos manexados habitualmente pola banca sería de baixo risco. Ademais a entidade financeira restrinxía o uso que podía facer do diñeiro do préstamo.

Tras acudir á entidade acompañado de activistas de Stop Desafiuzamentos Lugo conseguiuse que lle anulasen dous dos seguros que lle cobraran procedendo a amortizar o préstamo na cuantía dos mesmos.

O "sentir común" de ABANCA semella que é o de enriquecerse a costa do pobo galego.

sábado, 18 de outubro de 2014

CONCENTRACIÓN ANTE DO INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO



A sexta feira 17 de outubro concentrámonos diante da sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo en Lugo para esixir da Xunta do PP políticas que garantan o direito a unha vivenda digna para o conxunto d@s galeg@s. Un direito que está lonxe de cumprirse no noso país en canto miles de vivendas, muitas delas en mans dos bancos que se están beneficiando de xenerosas axudas públicas, permanecen vacias.
A Xunta por boca do seu presidente, Núñez Feijoo, prometeu centos de vivendas para aquelas persoas que sexan expulsadas do seu fogar pola codicia bancaria. A dia de hoxe, sen embargo, seguimos sen saber onde están esas vivendas prometidas.
Esta protesta desenvolveuse en distintas cidades galegas en colaboración con outros grupos de Stop Desafiuzamentos de A Coruña, Ourense, Ferrol e Compostela.

quarta-feira, 1 de outubro de 2014

IMOS TUMBAR A LEI HIPOTECARIA


O 1º de outubro concentrámonos diante dos xulgados de Lugo para facer entrega dun escrito dirixido ao xuíz decano de Lugo demandando a inmediata paralización dos procedementos de execución hipotecaria pola constante vulneración dos dereitos humanos. Unha vulneración que numerosas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da UE poñen en evidencia.

terça-feira, 2 de setembro de 2014

Unha Traballadora Social impide a membros de S.D Lugo asesorar e acompañar nun caso de emerxencia.




       Temos denunciado e demostrado que o Concello de Lugo ten uns servizos sociais precarios, que incumpren en moitos casos a lexislación sobre dereitos sociais das persoas que solicitan prestacións, e que deixan en bastantes casos na indefensión a persoas que teñen dificultades para coñecer e defender os seus dereitos.
           Nos casos máis graves a xente chega a extremos de desesperación que pode provocar suicidios (temos un recente na nosa cidade). Pero para o Concello de Lugo e para algunhas traballadoras sociais (non todas, nin tampouco a maioría) parece que o problema non é atender o mellor posible ás persoas que o necesitan (para o cal nos estamos prestando continuadamente axuda en forma de asesoramente e acompañamento e temos obtido incluso un premio de recoñecemento do noso labor social por parte dos colexios oficiais de traballador@s sociais do estado), senón que o problema está en que as persoas que solicitan axudas sociais co noso asesoramento son lexitimamente máis esixentes reclamando dereitos (e non caridade), e iso molesta a quen parece dispoñer das axudas públicas cun criterio que coa escusa da “profesionalidade” agacha as veces decisións arbitrarias e/ou clientelares, que negan ou dan prestacións en base a criterios que poden ser legalmente reclamados, tanto fronte aos órganos superiores do concello como ante os tribunais.
               Hoxe na Unidade de Traballo Social da Milagrosa fomos acompañando a unha persoa cunha situación crítica, actualmente  desempregada, ameazada de desfiuzamento por non poder pagar a hipoteca, e con dous menores (un deles un bebe) ao seu cargo, ameazada tamén con cortarlle o gas a partir de mañá, e atopámonos con que a traballadora social (Isabel López) á quen lle correspondía atendela impedíu autoritariamente que está persoa poidese estar asesorada e acompañada polas persoas do noso colectivo que lle estamos axudando e evitar o desafiuzamento e da situación de vulnerabilidade social, tratándonos inxustificadamente como se foramos uns intrusos, cunha actitide chulesca , nen sequera nos deixou expoñer os motivos da nosa presencia , ameazou a nosa compañeira con non atendela se  non entraba sola na oficina, e pese a que nos accedimos a non entrar, non lle pareceu suficiente e  chegou a pedir  que se avisara a policia alegando ameazas que non se produciron en ningun momento .
Tampouco resolveu nada e finalmente tivemos que ser nós, Stop Desafiuzamentos Lugo, os que a acompañaramos á afectada á compañía de gas, e prepararamos medios de defender a esta persoa contra a ameaza de deixala sen suministro de gas mentras a traballadora social referida tramita un expediente rutinariamente (QUE PODE TARDAR 3 MESES OU MAIS EN RESOLVESE) , sen ter en conta a necesidade de actuar coa urxencia requerida.
                   Quedou presentada unha reclamación, e no caso de que non teñamos resposta administrativa admitindo o lexítimo dereito que todas as persoas teñen a ir acompañadas por asesores da súa confianza (dereito que por certo foron respectando ata o de agora as outras UTS), reclamaremos contra este abuso nos xulgados do contencioso-administrativo.



                     Lugo 02/09 /2014

sábado, 31 de maio de 2014

CHARLA NO CARNEIRO ALADO


A próxima sexta feira, 13 de xuño, Pancho Torrente e Hella (integrantes de Stop Desafiuzamentos Lugo) darán unha charla sobre "a mobilización social polo dereito á vivenda". Será en O Carneiro Alado" (r/Salvador de Madariaga, 8) ás nove da noite.
O día anterior, quinta feira 12 de xuño, á mesma hora proxectaranse o documentario "Historia da PAH", a comparacencia de Ada Colau no Congreso e o documentario "La PAH, de la burbuja a la obra social".

segunda-feira, 7 de abril de 2014

PARABÉNS A MARCO!


A semana pasada Marco alcanzou un acordo de reestruturación da débeda co Banco Popular co que este desiste da súa intención de despexalo da súa vivenda. O acordo amplía o prazo de amortización do préstamo e reduce a tasa de xuro, desta forma a cota mensual redúcese a practicamente a metade. Ademais o banco anula unha serie de comisións e xuros de demora que pretendia cobrar inicialmente.
A loita de Marco e a súa familia, co apoios de Stop Desafiuzamentos Lugo, deu os seus froitos garantindo o dereito á vivenda desta familia.