terça-feira, 13 de novembro de 2012

CONTRA AS REFORMAS DA TROIKA, EN DEFENSA DAS PERSOAS. 14N, PECHADO POR FOLGA XERAL!

STOP Desafiuzamentos Lugo vai participar no acto que, baixo o lema "Toma a Folga!", organiza o movemento 15M con motivo da folga xeral do 14N . Lémbrao, o 14 ás 17:00h na Praza Maior de Lugo.


Os integrantes da plataforma STOP Desafiuzamentos Lugo consideramos que hoxe é necesario que todas as cidadás do país saian a rúa e fagan ver o seu desacordo coas políticas de regresión social que está a levar o goberno baixo ao ditado da Troika. Unha política cuxos únicos resultados visíbeis e o aumento das desigualdades sociais, a precariedade e o deterioro das condicións de vida. Unhas políticas que cada día empuxan a mais persoas a unha situación de pobreza e exclusión social. Ocasión que a banca aproveita para facer caixa grazas a un sistema hipotecario inxusto, ilegal e abusivo para a cidadanía, tal e como sinalaron un informe encargado polo propio CGPJ e a avogacía do Tribunal Europeo de Xustiza. Chegamos ao punto de que os mesmos que son rescatados e avalados polo Estado, abusan e estafan a aqueles que están a soportar ese mesmo Estado e son apelados cada día a facer un esforzo maior para garantir o cumprimento de tal absurdo.

Estes días, o problema dos desafiuzamentos está especialmente presente no debate político. Fica claro. As estatísticas son moi alarmantes. Segundo a PAH, nos últimos catro anos xa van mais de 400.000 familias desafiuzadas en todo o Estado. No primeiro semestre de 2012 xa van preto de 100.000, uns 532 por día. Porén, somos moi conscientes que non foron as cifras nin o sufrimento das familias que están detrás delas as que situaron este debate nas primeiras páxinas dos xornais. Para que o problema chegase dunha vez por todas á mesa daqueles que exercen os poderes do Estado foi necesario que nos últimos anos a cidadanía comezase a enfrontarse de forma organizada aos bancos en casos de desafiuzamento, que mais recentemente grupos de afectados decidisen facer peches dentro das sucursais bancarias e mesmo fixo falta que a morte de varias persoas rematase de quentar o ambiente social. Hoxe mais que nunca, temos a convicción de que só pola vía da mobilización social chegaremos a defender de forma efectiva os nosos dereitos e conseguir paralizar esta sangría. Temos de deixar ben claro que non queremos mais lavados de cara e reformas insuficientes como esta que o PPSOE seica van escenificar de xeito cínico e oportunista unha vez mais. É necesario que se aprobe dunha vez por todas a dación en pagamento retroactiva, a moratoria inmediata dos desafiuzamentos en vivendas habituais e o aluguer social dos milleiros de vivendas que de maneira ilexítima acumula á Banca. Estas medidas de mínimos que resolverían os problemas mais graves, xa teñen sido ata en 4 ocasións levadas ao Congreso dos Deputados e en todas elas o PPSOE impediu que prosperaran. Estas mesmas medidas son as que se recollen nunha Iniciativa Lexislativa Popular actualmente en curso que leva unhas 500.000 sinaturas e que tivo que ser impulsada por varias organizacións e colectivos ante a desidia institucional.

Contra os recortes en sanidade, educación, dependencia, investigación e cultura; contra a precarización das condicións laborais e a destrución de emprego, contra a subida do IVE, contra os privilexios da banca e as grandes empresas, contra o fraude fiscal que realizan os grandes patrimonios, contra a vergonza dos desafiuzamentos e contra a perda de dereitos e liberdades; un cambio de modelo é necesario. Isto non é unha crise, xa tampouco unha simple estafa, isto é un xenocidio. É o xenocidio financeiro.

Sem comentários:

Enviar um comentário