terça-feira, 27 de novembro de 2012

CONCENTRACIÓN CONTRA OS DESAFIUZAMENTOS

O PP non dubida en destinar grandes cantidades de diñeiro aos bancos ao tempo que aproba un real decreto lei que non ofrece unha solución aos problemas dos desafiuzamentos no Estado Español.
Para denunciar os desafiuzamentos así como a falta de solucións por parte do goberno e para esixir o dereito a unha vivenda digna convocamos unha concentración o 4 de decembro, terceira feira, às 20 horas na praza de Armañá, diante da subdelegación do goberno.

terça-feira, 13 de novembro de 2012

CONTRA AS REFORMAS DA TROIKA, EN DEFENSA DAS PERSOAS. 14N, PECHADO POR FOLGA XERAL!

STOP Desafiuzamentos Lugo vai participar no acto que, baixo o lema "Toma a Folga!", organiza o movemento 15M con motivo da folga xeral do 14N . Lémbrao, o 14 ás 17:00h na Praza Maior de Lugo.


Os integrantes da plataforma STOP Desafiuzamentos Lugo consideramos que hoxe é necesario que todas as cidadás do país saian a rúa e fagan ver o seu desacordo coas políticas de regresión social que está a levar o goberno baixo ao ditado da Troika. Unha política cuxos únicos resultados visíbeis e o aumento das desigualdades sociais, a precariedade e o deterioro das condicións de vida. Unhas políticas que cada día empuxan a mais persoas a unha situación de pobreza e exclusión social. Ocasión que a banca aproveita para facer caixa grazas a un sistema hipotecario inxusto, ilegal e abusivo para a cidadanía, tal e como sinalaron un informe encargado polo propio CGPJ e a avogacía do Tribunal Europeo de Xustiza. Chegamos ao punto de que os mesmos que son rescatados e avalados polo Estado, abusan e estafan a aqueles que están a soportar ese mesmo Estado e son apelados cada día a facer un esforzo maior para garantir o cumprimento de tal absurdo.

Estes días, o problema dos desafiuzamentos está especialmente presente no debate político. Fica claro. As estatísticas son moi alarmantes. Segundo a PAH, nos últimos catro anos xa van mais de 400.000 familias desafiuzadas en todo o Estado. No primeiro semestre de 2012 xa van preto de 100.000, uns 532 por día. Porén, somos moi conscientes que non foron as cifras nin o sufrimento das familias que están detrás delas as que situaron este debate nas primeiras páxinas dos xornais. Para que o problema chegase dunha vez por todas á mesa daqueles que exercen os poderes do Estado foi necesario que nos últimos anos a cidadanía comezase a enfrontarse de forma organizada aos bancos en casos de desafiuzamento, que mais recentemente grupos de afectados decidisen facer peches dentro das sucursais bancarias e mesmo fixo falta que a morte de varias persoas rematase de quentar o ambiente social. Hoxe mais que nunca, temos a convicción de que só pola vía da mobilización social chegaremos a defender de forma efectiva os nosos dereitos e conseguir paralizar esta sangría. Temos de deixar ben claro que non queremos mais lavados de cara e reformas insuficientes como esta que o PPSOE seica van escenificar de xeito cínico e oportunista unha vez mais. É necesario que se aprobe dunha vez por todas a dación en pagamento retroactiva, a moratoria inmediata dos desafiuzamentos en vivendas habituais e o aluguer social dos milleiros de vivendas que de maneira ilexítima acumula á Banca. Estas medidas de mínimos que resolverían os problemas mais graves, xa teñen sido ata en 4 ocasións levadas ao Congreso dos Deputados e en todas elas o PPSOE impediu que prosperaran. Estas mesmas medidas son as que se recollen nunha Iniciativa Lexislativa Popular actualmente en curso que leva unhas 500.000 sinaturas e que tivo que ser impulsada por varias organizacións e colectivos ante a desidia institucional.

Contra os recortes en sanidade, educación, dependencia, investigación e cultura; contra a precarización das condicións laborais e a destrución de emprego, contra a subida do IVE, contra os privilexios da banca e as grandes empresas, contra o fraude fiscal que realizan os grandes patrimonios, contra a vergonza dos desafiuzamentos e contra a perda de dereitos e liberdades; un cambio de modelo é necesario. Isto non é unha crise, xa tampouco unha simple estafa, isto é un xenocidio. É o xenocidio financeiro.